Máis de cen técnicos asisten a unha xornada sobre a retirada dos produtos con amianto organizada polo ISSGA na coruña


§        Na actualidade na provincia da Coruña están rexistradas no RERA 156 empresas (260 en toda Galicia), autorizadas para o desenvolvemento de labores de desamiantado



A Coruña, 23 de setembro de 2011.- Máis dun centenar de técnicos afectados en traballos de desamiantado asistiron hoxe a unha xornada sobre a retirada dos produtos con amianto, organizada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) na súa sede da Coruña.


A xornada técnica sobre "Amianto: rexistro RERA e plans de traballo" desenvolveu temas concretos e prácticos sobre os procedementos que deben aplicarse nas operacións de desamiantado polas empresas especializadas nestas tarefas. Especialmente tratáronse os temas relativos ao rexistro no RERA (Rexistro de empresas con risco de amianto) e ao contido e desenvolvemento dos plans de traballo específicos que deben realizar as empresas especializadas en retirada de produtos con amianto.

Na actualidade na provincia da Coruña están rexistradas no RERA 156 empresas (260 en toda Galicia), en situación de actividade normal, que son as empresas autorizadas para este tipo de actividade, sempre que presenten e obteñan a aprobación do correspondente plan de traballo.

O amianto, que foi un importante problema para a saúde dos traballadores que o manipulaban, está na actualidade sometido a fortes restricións, xa que estando prohibida a súa comercialización en calquera forma en España (como en toda a UE), só caben operacións de retirada de produtos que o conteñan, que na actualidade se centra en fibrocemento ou illantes térmicos. Estas operacións están sometidas a rigorosos procedementos de autorización e control.

Por parte do ISSGA, todos os anos se desenvolven nos seus centros xornadas técnicas para a formación e actualización das empresas e técnicos afectados en traballos de desamiantado e mantense na súa web ‘www.issga.es’ completa información actualizada de riscos, procedementos de traballo e mecanismos de xestión, dentro da súa programación. En 2010 celebráronse 25 xornadas destas características.

O ISSGA, organismo competente en Galicia, realiza tamén campañas de seguimento sectoriais como as realizadas en empresas transportistas, xestoras de residuos, de construción ou concellos, entre outras, así como campañas informativas dirixidas aos administradores de fincas.